Didáctica das Ciencias Experimentais
Investigar procesos polos que o alumnado participa en e transfire as prácticas científicas de produción, avaliación e comunicación do coñecemento en diversos contextos e niveis educativos. Este obxectivo equivale a investigar os procesos de desenvolvemento das tres competencias científicas de modelización (produción), uso de probas (avaliación do coñecemento, ou argumentación) e indagación, e da súa transferencia á práctica.
Didáctica das Ciencias Sociais
Procesos de construción de identidades, contribuír ao desenvolvemento da habilidade específica para interpretar e dar novos significados á realidade: a) identificar os problemas para concibir as identidades culturais , políticas e sociais como realidades abertas e en construción e non como esenciais; b) superar obstáculos que dificultan a comprensión histórica da existencia de procesos de construción de identidades con relación ao territorio e ao patrimonio, desde o ámbito local ao global; c) definir o modelo cognitivo de aprendizaxe das ciencias sociais para acomodar o ensino e a avaliación ás competencias básicas.
Didáctica da Lingua e da Literatura
Investigación nas competencias lingüísticas, nun marco de convivencia con dúas linguas oficiais entendido como oportunidade para acadar un plurilingüismo real: a) afondar na avaliación da competencia comunicativa dos escolares en galego, castelán e linguas estraxeiras identificando fortalezas e debilidades; b) deseñar estratexias de mellora, atendendo ao enfoque pedagóxico-didáctico e ao seu uso instrumental no ámbito escolar; c) mellora de competencias en argumentación e razoamento; d) investigación nas relacións entre educación literaria e a construcción de identidades.
Didáctica das Ciencias Matemáticas
Investigar competencias para a modelización matemática, desenvolvemento de argumentos cognitivos e metacognitivos para elaborar probas e refutacións de técnicas e tecnoloxías matemáticas, e a súa capacidade para a indagación científica, tanto práctica como metacognitiva. Analizar o pensamento e capacidade do profesor para apoiar o desenvolvemento destas capacidades e competencias. Actualmente están ocupándose preferentemente de problemas de aprendizaxe en adolescentes en risco de exclusión.