Didáctica das Ciencias Experimentais

Didáctica das Ciencias Experimentais

O grupo de investigación da área de Didáctica das Ciencias Experimentais está formado por PDI da área do departamento de Didácticas Aplicadas da USC e doutras universidades (UDC, UAM, UPVasco, UVigo), e investigadores/as en formación con bolsas FPI ou contratos predoutorais da Xunta de Galicia ou con cargo a diversos proxectos estatais e europeos vixentes.

Nace inicialmente como un grupo de investigación centrado na análise do discurso, razoamento e argumentación (RODA) na aula de ciencias no ano 1994, e se amplía incorporando a análise doutras prácticas científicas.

As investigacións do grupo sitúanse no marco do ensino e aprendizaxe de ciencias mediante prácticas científicas (indagación, modelización e argumentación) para o fomento do pensamento crítico. Nesta liña, realizáronse no grupo numerosas investigacións vencelladas a diversos proxectos nacionais e internacionais (S-TEAM, Mind the gap, kidsINNscience, CRITHINKEDU, P2D). Estes proxectos, o último vixente desde 2020, permitiron ampliar o coñecemento sobre o desempeño de prácticas científicas polo alumnado de distintos niveis e deseñar materiais didácticos para a incorporación destas prácticas e o desenvolvemento do pensamento crítico na aula de ciencias.

Na actualidade, o grupo continúa ampliando as investigacións sobre prácticas científicas, incorporando á análise a compoñente da reflexión explícita sobre as prácticas en distintos contextos de aprendizaxe de temas científicos e socio-científicos, e do pensamento crítico nestes e noutros contextos STEM. Ademais, avánzase no estudo da transferencia efectiva de prácticas científicas e do pensamento crítico polo profesorado e na identificación e aplicación de criterios para deseñar materiais e recursos que logren promover estas.

Das investigacións realizadas dentro do grupo derivan numerosas publicacións internacionais e nacionais de impacto, que poden ser consultadas nos currículos vitaes da web RODA e na sección de recursos e publicacións científicas.

Grupo