Didáctica das Ciencias Sociais

Didáctica das Ciencias Sociais

A sección de didáctica das ciencias sociais está na actualidade (xaneiro de 2017) integrada por 6 investigadores dos campus de Lugo e Santiago e tres investigadores en formación e conta cun nutrido grupo de profesores colaboradores externos, por unha banda vinculados á Asociación Sine Nomine e a outra ao Proxectoterra que coordina o profesor Xosé Manuel Rosales do Colexio de Arquitectos de Galicia. Moitos de nós compartimos esta dobre ou triple condición. Entre os asesores permanentes temos o doutor Jesús Domínguez Castillo (Universidade Nebrija de Madrid), a doutora Lis Cercadillo (Instituto de Avaliación), a doutora Mª Auxiliadora Schmidt (Universidade Federal do Paraná, Brasil) e a doutora Isabel Barca (Universidade do Minho, Portugal).

As materias que investiga o grupo están relacionadas coa educación social, cívica e política e concretamente con 5 áreas relacionadas: educación histórica (desenvolvemento da conciencia histórica); competencia en argumentación e razoamento no ensino e aprendizaxe das ciencias sociais; a construción de identidades, a paisaxe e o patrimonio, e os espazos de inclusión e participación.

O noso grupo coordina o proxecto do Plan Nacional Competencias sociais para a cidadanía democrática: análise, desenvolvemento e avaliación (EDU2015-65621-C3-R) no que desenvolvemos o Subproxecto Educación formal nos procesos de construción das identidades e a súa relación coas competencias sociais. (EDU2015-65621-C3-1-R) na que participan investigadores da Universidade de Valencia, Nebrija de Madrid e do Instituto de Avaliación (IP: Ramón López Facal). Os outros dous subproxectos atópanse na Universidade de Barcelona (Desenvolvemento da formación sociopolítica para a cidadanía democrática: deseño e implantación de materiais didácticos en Ciencias Sociais – EDU2015-65621-C3-2-R– IP: Joaquín Prats Cuevas) e no Universidade de Murcia (A avaliación das competencias e o desenvolvemento das capacidades cognitivas sobre a historia na Educación Secundaria Obrigatoria – EDU2015-65621-C3-3-R– IP: Pedro Miralles Martínez).

Actualmente, seis teses de doutoramento relacionadas co pensamento histórico e as competencias sociais, a educación patrimonial, a educación xeográfica, os estereotipos, os prexuízos e representacións sociais e a construción da identidade atópanse nunha fase diferente de desenvolvemento. A metodoloxía empregada é fundamentalmente cualitativa.

Dende a sección de ciencias sociais do grupo Roda, organizamos diversas xornadas de formación, debate e divulgación en colaboración con outros colectivos e Institucións, como o Museo do Pobo Galego, o Grupo de Innovación Docente de Sarela, o Proxectoterra, entre outros.

O grupo está integrado na Rede14, encargándose da súa coordinación.

Grupo