Charla-Coloquio: “Conflitos socio-ambientais nos medios de comunicación galegos. Como superar estereotipos sociais sobre o lobo” 9 de marzo ás 17 h. No salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación, campus norte.

Contido da palestra: O encargado de conducir a actividade será Pedro Alonso, biólogo experto en lobos, que abordará a situacion do lobo en Galicia e a difusión desta especie nos medios de comunicacion. O relator presentará algúns fragmentos do documental que está gravando sobre o lobo no Invernadoiro no que se presentan os conflitos sociais que suscita. Na palestra presentaranse algúns exemplos de como traballar o lobo e os estereotipos sociais desde un enfoque de argumentación e pensamento crítico, elaborados en colaboración con investigadoras de didácticas das ciencias experimentais.

A actividade forma parte das Actividades Culturais da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Pode ser de interese para investigadores/as e profesorado de didácticas aplicadas;  mestres/as en formación; profesorado en activo de distintos niveis e calquera profesional educativo interesado no tema.

Breve cv de Pedro Alonso:  Pedro Alonso é biólogo e experto en lobo desde 1989.  Estudou e seguiu poboacións de lobo en diversos territorios e espazos naturais como Serra Morena,  Sur do Douro e en Galicia. Na actualidade traballa como experto no Plan de Xestión do lobo da Xunta de Galicia, liderando estudos e accións de protección desta especie e dos posibles danos que poida causar. Está a realizar un documental sobre o lobo no Invernadoiro, para a aproximación do conflito. Traballa en colaboración coa profesora Blanca Puig, membro do grupo Roda, no deseño de accións educativas para integrar como medidas preventivas no plan de xestión que el lidera.