IX CONGRESO IBÉRICO DE DIDÁCTICA DA XEOGRAFÍA

IX CONGRESO IBÉRICO DE DIDÁCTICA DA XEOGRAFÍA

A reconfiguración do medio rural na sociedade da información. Novos desafíos na educación xeográfica.

Santiago de Compostela e Lugo (18-19 OUTUBRO 2019)

https://www.ixcongresoibericodgeo.com

Ao longo das últimas décadas, as áreas rurais dos países desenvolvidos víronse afectadas por progresivas transformacións, cuxo resultado máis visible é a aparición de diversos graos de ruralidade en función da intervención de distintos factores, tales como a importancia do papel que desempeña a agricultura, o nivel de avance da pluriactividade e diversificación económica, ou o propio desenvolvemento urbano.

​A desagrarización e consecuente reestruturación do sistema produtivo do medio rural romperon a sinonimia entre rural e agrario. Ao mesmo tempo, a modificación do sistema de asentamentos diluíu as fronteiras entre o rural e o urbano, dificultando cada vez máis a súa delimitación. Ademais, a progresiva terciarización da economía do medio rural, a transición cara o paradigma postprodutivista e a difusión da sociedade da información e as novas tecnoloxías son as claves que nos axudan a situar os vellos espazos rurais nas novas sociedades postindustriais. En definitiva, son factores todos eles que están configurando diferentes ruralidades que deben ser obxecto de reflexión por parte dos estudantes.

​Para superar o frecuente menosprezo da utilidade da Xeografía como disciplina escolar debemos reverter a habitual desconexión entre a ensinanza da Xeografía que se practica e unha educación xeográfica dirixida á adquisición de coñecementos e capacidades de actuación no espazo a través do desenvolvemento do pensamento espacial.

​Dende esta perspectiva, as liñas temáticas que se ofrecen no IX Congreso Ibérico de Didáctica da Xeografía tratan de situar o medio rural nun lugar central da educación xeográfica, explotando todas as posibilidades que ofrece para que os escolares aprendan a usar o razoamento espacial para desenvolverse no mundo e para mellorar a súa relación co territorio.

LIÑAS TEMÁTICAS

  1. A xeografía no currículo
  2. Contidos e propostas didácticas de xeografía nos manuais escolares
  3. Investigación, innovación e interdisciplinariedade na didáctica da xeografía
  4. Recursos e materiais para a ensinanza e aprendizaxe da xeografía
  5. Novas tecnoloxías e didáctica da xeografía

LIÑAS TEMÁTICAS ESPECÍFICAS

  1. O medio rural na educación xeográfica
  2. A integración da xeografía rural no currículo e manuais escolares
  3. A investigación sobre áreas rurais como recursos educativos
  4. Innovacións didácticas e metodolóxicas para ensinar o medio rural do século XXI
  5. O traballo de campo e a súa relevancia para a compresión das áreas rurais

DATAS CLAVE

Data límite para o envío de resumos: 15 de abril de 2019

Data de inscrición con tarifa reducida: ata o 30 de abril de 2019

Información extraída de: https://www.ixcongresoibericodgeo.com