O Gi Roda participou hoxe no acto de constitución da Rede de Patrimonio Cultural de Galicia no salón de Actos do Museo do Pobo Galego.
A continuación, preséntase a súa declaración conxunta:
-
O territorio galego concentra unha inxente cantidade de bens culturais materiais e inmateriais. Son o legado da intensa ocupación e uso do territorio por comunidades humanas desde o principio dos tempos e a testemuña viva e real das bases da cultura e identidade do noso país, herdanza que queremos preservar.
-
Este legado constitúe, na actualidade, unha enorme fonte de riqueza de moitos tipos: humana, social, cultural e económica. Xunto á súa preservación como deber por parte das xeracións que se consideran herdeiras dese legado para o futuro, a súa dinamización abre novas oportunidades á nosa sociedade en numerosos ámbitos, constituíndose como unha das fontes de riqueza do país con máis posibilidades e, ao mesmo tempo, máis sustentable no noso territorio.
-
En Galicia existen numerosos movementos culturais cidadáns que exercen unha constante actividade, de base local ou comarcal de defensa do devandito patrimonio, tamén da súa dinamización, cunha grande eficacia no control e vixilancia da contorna inmediata. Os resultados, moi loados nas súas áreas de acción, non sempre trascenden nin son abondo visibles a nivel galego.
-
Porén, aínda que os danos ao patrimonio sempre son locais (a un ben concreto nun momento concreto) tanto a lexislación como as políticas de patrimonio cultural ou as grandes problemáticas (sector forestal, grandes infraestruturas públicas, marco xurídico) trascenden ese ámbito e condicionan, xa que logo, a capacidade de actuación de moitas entidades locais. É preciso dotalas dun instrumento que lles permita operar naqueles ámbitos administrativos (comunidade autónoma, Estado, Unión Europea) que son de difícil acceso para unha pequena entidade e na que esta pode exercer un papel pouco representativo.
-
Na actualidade vólvese vivir un interese por parte de persoas e grupos da sociedade civil por coidar o patrimonio cultural, participar activamente na súa preservación e xestión. Non hai dúbida de que o papel de Internet, conectando a individuos antes illados en diferentes lugares e compartindo información, problemáticas e solucións, incentiva este novo activismo. Internet adáptase con facilidade ás estruturas asociativas galegas, horizontais, descentralizadas e sen unha xerarquía sólida.
-
Os escasos orzamentos que destinan as Administracións ao patrimonio cultural, as profundas transformacións da sociedade e das economías rurais e os cambios lexislativos promovidos recentemente pola Administración galega están a afectar de xeito crítico ao noso patrimonio cultural. É o momento de dar un paso que permita enfrontar estes novos desafíos, sempre desde o respecto á idiosincrasia das entidades locais e comarcais do país.
-
Proponse una ferramenta conxunta de coordinación das asociacións locais/comarcais e outras de ámbito galego (que tamén asinan) , todas elas de defensa do patrimonio para se dirixir ás autoridades, organismos ou entidades pertinentes en prol da salvagarda do noso patrimonio cultural.
-
As entidades que asinan este documento comprométense a crear sistemas de comunicación horizontal, de libre adhesión, sen xerarquías, aos que se poidan incorporar outras organizacións co fin de adhesión aos termos nos que se redacta o presente documento.
-
A mecánica de traballo inicial será o traballo conxunto e a elaboración de iniciativas decididas pola rede que teñan un claro fin de defensa e/ou posta en valor do patrimonio cultural e que pola súa natureza ou dimensión precisen dunha escala superior á de cada unha das entidades. Ningunha organización poderá actuar en nome da Rede e nos casos que se acade unanimidade nomearase unha representación e aclarando en toda a documentación que entidades forman parte dunha iniciativa concreta.
-
As organizacións que asinan esta Declaración manteñen a súa independencia e autonomía e comprométense a encetar o camiño cara a creación dunha estrutura de coordinación de entidades do patrimonio.
Rede de Patrimonio Cultural de Galicia