O GI-RODA participou na constitución da Rede de Patrimonio Cultural de Galicia

O Gi Roda participou hoxe no acto de constitución da Rede de Patrimonio Cultural de Galicia no salón de Actos do Museo do Pobo Galego.

A continuación, preséntase a súa declaración conxunta:

  1. O territorio galego concentra unha inxente cantidade de bens culturais materiais e inmateriais. Son o legado da intensa ocupación e uso do territorio por comunidades humanas desde o principio dos tempos e a testemuña viva e real das bases da cultura e identidade do noso país, herdanza que queremos preservar.

  2. Este legado constitúe, na actualidade, unha enorme fonte de riqueza de moitos tipos: humana, social, cultural e económica. Xunto á súa preservación como deber por parte das xeracións que se consideran herdeiras dese legado para o futuro, a súa dinamización abre novas oportunidades á nosa sociedade en numerosos ámbitos, constituíndose como unha das fontes de riqueza do país con máis posibilidades e, ao mesmo tempo, máis sustentable no noso territorio.

  3. En Galicia existen numerosos movementos culturais cidadáns que exercen unha constante actividade, de base local ou comarcal de defensa do devandito patrimonio, tamén da súa dinamización, cunha grande eficacia no control e vixilancia da contorna inmediata. Os resultados, moi loados nas súas áreas de acción, non sempre trascenden nin son abondo visibles a nivel galego.

  4. Porén,  aínda que os danos ao patrimonio sempre son locais (a un ben concreto nun momento concreto) tanto a lexislación como as políticas de patrimonio cultural ou as grandes problemáticas (sector forestal, grandes infraestruturas públicas, marco xurídico) trascenden ese ámbito e condicionan, xa que logo, a capacidade de actuación de moitas  entidades locais. É preciso dotalas dun  instrumento que lles permita operar naqueles ámbitos administrativos (comunidade autónoma, Estado, Unión Europea) que son de difícil acceso para unha pequena entidade e na que esta pode exercer un papel pouco representativo.

  5. Na actualidade vólvese vivir un interese por parte de persoas e grupos da sociedade civil por coidar o patrimonio cultural, participar activamente na súa preservación e xestión. Non hai dúbida de que o papel de Internet, conectando a individuos antes illados en diferentes lugares e compartindo información, problemáticas e solucións, incentiva este novo activismo. Internet adáptase con facilidade ás estruturas asociativas galegas, horizontais, descentralizadas e sen unha xerarquía sólida.

  6. Os escasos orzamentos que destinan as Administracións ao patrimonio cultural, as profundas transformacións da sociedade e das economías rurais e os cambios lexislativos promovidos recentemente  pola Administración galega están a afectar de xeito crítico ao noso patrimonio cultural. É o momento de dar un paso que permita enfrontar estes novos desafíos, sempre desde o respecto á idiosincrasia das entidades locais e comarcais do país.

  7. Proponse una ferramenta conxunta de coordinación das asociacións locais/comarcais e outras de ámbito galego (que tamén asinan) , todas elas de defensa do patrimonio  para se dirixir ás autoridades, organismos ou entidades pertinentes en prol da salvagarda do noso patrimonio cultural.

  8. As entidades que asinan este documento comprométense a crear sistemas de comunicación horizontal, de libre adhesión, sen xerarquías, aos que se poidan incorporar outras organizacións co fin de adhesión aos termos nos que se redacta o presente documento.

  9. A mecánica de traballo inicial será o traballo conxunto e a elaboración de iniciativas decididas pola rede que teñan un claro fin de defensa e/ou posta en valor do patrimonio cultural e que pola súa natureza ou dimensión precisen dunha escala superior á de cada unha das entidades. Ningunha organización poderá actuar en nome da Rede e nos casos que se acade unanimidade nomearase unha representación e aclarando en toda a documentación que entidades forman parte dunha iniciativa concreta.

  10. As organizacións que asinan esta Declaración manteñen a súa independencia e autonomía e comprométense a encetar o camiño cara a creación dunha estrutura de coordinación de entidades do patrimonio.

    Rede de Patrimonio Cultural de Galicia