Un artigo científico das investigadoras da USC Sabela F. Monteira e María Pilar Jiménez Aleixandre foi escollido estes días como un dos catro máis relevantes para o profesorado de entre os publicados nas revistas de didáctica de ciencias en Estados Unidos en 2016. Trátase dun traballo pioneiro sobre como o alumnado de infantil pode xerar e utilizar probas empíricas para comprobar ou revisar ideas científicas.
No contexto dun proxecto de cinco meses nunha aula de terceiro curso de infantil sobre os caracois, o artigo examina a participación de nenas e nenos de 5 e 6 anos na práctica científica de usar probas para sustentar conclusións. Xunto coa experimentación, na aula traballouse de maneira complementaria coa observación cun propósito (Purposeful Observation), caracterizada por ter un obxectivo definido e á que as investigadoras lle ven “potencial” como fonte de probas no ensino das ciencias en educación infantil e primaria.
A distinción do artigo ‘The practice of using evidence in Kindergarten: The role of purposeful observation’, publicado no Journal of Research in Science Teaching, tivo lugar no marco do congreso de NARST (National Association of Research in Science Teaching). Precisamente, o comité de publicacións desta asociación conxuntamente coa de profesorado de ciencias NSTA (National Science Teachers Association), que conta con 55.000 socias e socios, foron os encargados de facer a selección dos artigos.
Journal of Research in Science Teaching é a publicación de máis impacto da área de didáctica das ciencias experimentais –3,052– e das primeiras na sección Education & Educational Research do ISI Journal Citation Report, ocupando a posición 6 de 231 revistas. Esta publicación inclúe resumos dos traballos na lingua dos autores e autoras, sendo o de Aleixandre e Monteira o primeiro nunha revista do SSCI en incluír un resumo executivo en galego.
As autoras
Cun contrato predoutoral do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, Sabela F. Monteira está realizando a súa de doutoramento sobre as prácticas científicas na Educación Infantil, un estudo lonxitudinal que seguiu nunha aula de infantil durante tres cursos. O traballo diríxello María Pilar Jiménez Aleixandre, catedrática de didáctica das ciencias experimentais na Facultade de Ciencias da Educación da USC. O traballo realizouse en colaboración co grupo Torque, equipo de mestras de educación infantil cunha longa traxectoria no traballo por proxectos.
Texto extraído do xornal da usc (nova, aquí)